Campaña formativa para a implementación dunha rede de infraestrutura verde a escala municipal na provincia da Coruña
Campaña formativa para a implementación dunha rede de infraestrutura verde a escala municipal na provincia da Coruña
A campaña formativa estará coordinada polo Decano do COIAG, Dr. enxeñeiro agrónomo e Dr. en arquitectura da paisaxe Pedro Calaza Martínez, experto en infraestrutura verde e director da Escola Galega da Paisaxe da Fundación Juana de Vega.
A Escola Galega da Paisaxe da Fundación Juana de Vega, co patrocinio da Deputación da Coruña, organiza unha campaña formativa para a implementación dunha rede de infraestrutura verde a escala municipal na provincia da Coruña.
O obxecto da campaña formativa é a divulgación do concepto de infraestrutura verde e a súa aplicabilidade a nivel municipal, de xeito que os asistentes adquiran os coñecementos necesarios para promover a súa implementación, acadando un entendemento dos seguintes aspectos:
- Concepto de infraestrutura verde e importancia da súa planificación estratéxica a nivel municipal
- Morfoloxía espacial e compoñentes da infraestrutura verde: núcleos, corredores, áreas de amortecemento, áreas multifuncionais e elementos urbanos
- Metodoloxías para o cálculo e cartografado dos servizos ecosistémicos a escala local
- Mecanismos para o financiamento e a implementación da infraestrutura verde
- Métodos de ordenación e xestión da infraestrutura verde urbana