A exitosa exposición ‘ODS: algo máis que un logo’, coa que o Coiag quere achegar á cidadanía os 17 ODS da ONU e o papel dos enxeñeiros agrónomos na súa consecución, xa se pode visitar en Internet
O Colexio Oficial de Enxeñeiros Agrónomos de Galicia lanzaba en marzo de 2021 a exposición ‘ODS: algo máis que un logo’. Tratábase dunha mostra itinerante que, cofinanciada pola Deputación da Coruña, visitou Santiago de Compostela, A Coruña e Ferrol. O seu obxectivo era achegar á cidadanía os 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da ONU, amosar os retos que teñen os enxeñeiros agrónomos para adaptalos á cadea de valor alimentaria antes de 10 anos, e concienciar á sociedade da necesidade que ten de mudar os seus costumes para acadar eses ODS e do papel que os enxeñeiros agrónomos xogan nese proceso.
A mostra foi todo un éxito. Milleiros de persoas a visitaron nas tres cidades galegas nas que estivo exposta, motivo polo que o Colexio decidiu subila a Internet e facela accesible a calquera persoa, independentemente do lugar do mundo no que se atope. Para acceder a ela non hai más que entrar no seguinte enlace.
A exposición está composta por 16 fichas:
- #ODS: algo máis que un logo. Trátase dunha breve presentación da mostra.
- Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable. Explica que é a sostibilidade, a Axenda 2030 e os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible.
- O noso traballo. Expón que é a Enxeñería Agronómica e os seus obxectivos.
- A nosa historia. A través dunha liña do tempo, conta os principais fitos da Enxeñaría Agronómica.
- Industria Alimentaria e os ODS. Explica a función da industria alimentaria e o papel que os enxeñeiros agrónomos xogan nela.
- A Europa post-Covid. Expón o contratempo que supuxo a pandemia do Covid 19 no camiño cara a consecución dos ODS.
- Unha terra única. Analiza os ODS dende o punto de vista de Galicia.
- Agricultura, gandería e acuicultura. Subliña a importancia da profesión de enxeñeiro agrónomo como a única con competencias plenas e transversais en agricultura, gandería e acuicultura.
- A Europa do futuro. Analiza o liderado mundial de Europa na loita contra o cambio climático.
- Soberanía alimentaria: un plan alimentario sostible. Destaca que manter a capacidade produtiva de Galicia e adaptala á economía circular é un dos principais retos para cumprir os ODS.
- Enxeñería Rural. Explica en que consiste esta disciplina integrada na Enxeñería Agronómica e as súas funcións.
- Infraestrutura verde como nexo. Sitúa á infraestrutura verde como ferramenta fundamental para solucionar moitos problemas territoriais, sociais e ambientais.
- Os sistemas de augas. Resalta o vital papel dos enxeñeiros agrónomos na xestión dun recurso básico como a auga.
- Medio Ambiente. Apunta ao coidado do Medio Ambiente como unha vocación profesional para moitos enxeñeiros agrónomos.
- A Axenda 2030 I. Explica os nove primeiros Obxectivos de Desenvolvemento Sostible.
- A Axenda 2030 II. Continuación da anterior ficha. Aquí abórdanse os oitos ODS restantes.
«Como enxeñeiros agrónomos enfrontámonos a un reto que converxe coa visión histórica humanística da nosa profesión, un obxectivo vital e apaixonante para converxer cos 17 obxectivos de desenvolvemento sostible. Trátase de abordar dende un prisma transversal e universal as nosas actuacións e adaptalas para optimizar os obxectivos. O carácter de implicación de tódolos axentes neste proceso demanda accións de comunicación e información. Precisamente neste senso, esta exposición traslada á cidadanía a importancia da aplicación de novas tecnoloxías e avances na labor que desenvolvemos en diferentes sectores, perseguindo unha mellor planificación e xestión do territorio, a produción de alimentos e os procesos vencellados», sinala o decano do Coiag, Pedro Calaza.