A Fundación Enxeñería Agronómica para o Desenvolvemento de Galicia presenta unha guía que permitirá á agroindustria identificar, cuantificar e xestionar a súa pegada de carbono
A Fundación Enxeñería Agronómica para o Desenvolvemento de Galicia presentou o sábado 13 de decembro a nova ‘Guía Técnica para o Estudo sobre o Ciclo de Vida do Carbono, Mitigación dos seus Efectos e Actividades de Compensación, cara a unha Agroindustria Sostible’. O acto tivo lugar no Hotel AC da Coruña, unha vez rematada a Xunta Xeral Ordinaria do Colexio Oficial de Enxeñeiros Agrónomos de Galicia.
Na presentación participaron representantes da Fundación e os autores da publicación, Carmen Fernández Gasalla e Óscar Lasarte Astorga, profesionais da consultora Enxeñería e Xestión Sostible (Ingaf). A guía, que nos vindeiros días estará dispoñible na web www.fiagalicia.com, constitúe un recurso pioneiro que ofrece un marco técnico e metodolóxico para apoiar ao sector agroalimentario na identificación, cuantificación e xestión da pegada de carbono ao longo do ciclo de vida dos seus produtos.
Este documento está deseñado para dar pulo a prácticas de mitigación ambiental e estratexias de compensación de emisións, reforzando así a sostibilidade e competitividade da agroindustria galega. Durante o acto levouse a cabo unha descrición detallada das seccións da guía e presentouse un exemplo práctico que ilustra como aplicar os métodos de análise e cálculo da pegada de carbono en procesos produtivos reais.
A iniciativa da Fundación responde á crecente demanda de ferramentas rigorosas que permitan ás empresas adaptarse aos retos do cambio climático e ás esixencias normativas europeas. Ademais, promove unha visión integral da sostibilidade, integrando aspectos económicos, sociais e ambientais.
A guía está chamada a converterse nunha referencia esencial para profesionais, investigadores e entidades que traballan no eido da enxeñería agronómica e da sostibilidade agroalimentaria.





