BioModem e a Fundación Enxeñería Agronómica para o Desenvolvemento de Galicia organizan unha xornada sobre distribución sostible de xurro en CIMAG-GANDAGRO 2025

purin
Feb 11 2025

BioModem e a Fundación Enxeñería Agronómica para o Desenvolvemento de Galicia organizan unha xornada sobre distribución sostible de xurro en CIMAG-GANDAGRO 2025

O Grupo de Investigación BIOMODEM da Escola Politécnica Superior de Enxeñería da USC, organiza o venres 21 de febreiro, ás 11:00 h unha xornada técnica sobre Distribución Sostible de Xurros, contando coa colabolación da Fundación Enxeñería Agronómica para o Desenvolvemento de Galicia.

Programa

A xornada terá lugar en Silleda nas instalacións da Feira Internacional de Galicia ABANCA, dentro do marco da feira CIMAG-GANDAGRO. O evento celebrarase na sala Miradoiro 1 no primeiro andar do Pavillón 1. A asistencia á mesma é gratuíta e na organización colabora a Fundación Enxeñería Agronómica para o Desenvolvemento de Galicia (FIA). A xornada comezará ás 11:00 h coa intervención dun representante da Consellería do Medio Rural que abordará as últimas novidades normativas en relación co caderno dixital da explotación agrícola e as súas repercusións sobre as aplicacións de fertilizantes. A continuación, ás 11:30 h, terá lugar unha mesa redonda onde os representantes de catro casas comerciais (Talleres Carruxo, Talleres Moga, Díaz e Valín e Durán Maquinaria) achegarán a súa visión sobre o estado actual do mercado de tanques distribuidores de xurro e o impacto sobre o mesmo das últimas regulacións. Na xornada tamén se presentarán dous proxectos innovadores relacionados coa distribución de xurro dos grupos operativos PurinPreciso e Agrolab_Biogal. A presentación de PurinPreciso correrá a cargo de representantes de FEUGA, BioModem e o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (AGACAL), mentres que Agrolab_Biogal presentarano a empresa Medrar e BioModem. Os dous proxectos tratan sobre a incorporación de sensores que miden o contido de nutrientes do xurro nos tanques distribuidores durante a realización da aplicación. PurinPreciso aborda a utilización de conductímetros e Agrolab_Biogal o uso de tecnoloxía NIR. Por último, ás 13:00 h pechará a xornada a intervención da investigadora Diana Andrade, pertencente ao Centro de Investigacións Agrarias de Baviera (LfL, Alemaña). No seu relatorio abordará o estado actual dos sistemas de distribución e a análise de xurro nos tanques distribuidores en Alemaña.
PURINPRECISO e AGROLAB_BIOGAL están financiados polas axudas para a execución de proxectos innovadores dos grupos operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI), cofinanciadas nun 80% co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Plan estratéxico da política agraria común (PEPAC) 2023-2027, con fondos propios da Xunta de Galicia nun 14% e con fondos do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación nun 6%. A Consellería do Medio Rural é o órgano da Administración galega á que lle corresponde propoñer e executar as directrices xerais no ámbito rural, e engloba as competencias en materia de agricultura, gandería, desenvolvemento rural e ordenación comarcal, estruturas rurais, industrias agroalimentarias e forestais, montes, prevención e defensa dos incendios forestais. Orzamento total PURINPRECISO: 180.000,00 € (100% subvencionado) Orzamento total AGROLAB_BIOGAL: 139.999,49 € (100% subvencionado)  Programa

0 Comments
Share Post
No Comments

Post a Comment