
O Coiag presenta en Santiago o Manual Práctico para a Integración Ambiental e Paisaxística da Reestruturación Parcelaria en Galicia que promove a Xunta e en cuxa redacción participou
Os representantes do Colexio Oficial de Enxeñeiros Agrónomos de Galicia, Alejandra Álvarez de Mon Rego (secretaria) e José Antonio Rivas (secretario técnico), presentaron este martes 24 de outubro, no Hotel A Quinta da Auga de Santiago, o Manual Práctico para a Integración Ambiental e Paisaxística da Reestruturación Parcelaria en Galicia.
O Manual ten como obxecto principal desenvolver unha metodoloxía práctica cunha visión máis integradora, na que a conservación da paisaxe é un valor engadido en todo o proceso. As reestruturacións parcelarias modifican a paisaxe ao reducir o número de parcelas e redeseñar a rede de camiños, polo que no manual defínense estratexias para que o impacto sexa o menor posible ou mesmo que conleve a mellora do ambiente e da paisaxe sobre a que se actúa. Non se trata de manter a paisaxe intacta senón que a transformación, aínda que perceptible, conserve as súas características intrínsecas, xa que en moitos casos a alternativa é unha paisaxe agraria cun alto grao de abandono, causa de fenómenos negativos como incendios forestais, pragas e a perda de biodiversidade, entre outros.
O manual foi promovido pola Consellería do Medio Rural. No acto de presentación participou José González, conselleiro do Medio Rural, que estivo acompañado por Inés Santé, directora xeral de Desenvolvemento Rural. O conselleiro, que clausurou o evento, fixo fincapé na importancia da reestruturación parcelaria como ferramenta necesaria para o desenvolvemento rural, debido á división da terra en Galicia, que segue sendo un impedimento para o desenvolvemento do potencial agrario, polo que ambos intereses deben solaparse. Neste sentido, sinalou que a Xunta leva investido un total de 118 millóns nos últimos 14 anos co obxectivo de avanzar decididamente nesta materia.
Desde o Colexio tamén queremos agradecer a colaboración recibida polos autores do Manual, as empresas (Lagares Oca Enxeñería, Proyestegal e Sial Enxeñería), así como todos aqueles enxeñeiros agrónomos que participaron no documento con achegas e suxestións na fase inicial do documento, xa que sen o coñecemento, compromiso e bo facer de todos eles faría imposible alcanzar os obxectivos deste Manual Práctico.