
Falecemento do noso compañeiro Joaquín Giménez de Azcárate Moreno
Joaquín Giménez de Azcárate Moreno, faleceu no día de onte aos 101 anos, formando parte deste colexio desde o 10 de decembro de 1953, case desde os inicios do noso Colexio (11 de maio de 1953).
Desde o Colexio, queremos transmitir a nosa pena á súa familia, amigos e compañeiros por esta gran perda.
Joaquín, enxeñeiro agrónomo da promoción de 1950, foi o noso colexiado 17, e en xullo do ano pasado entregóuselle a medalla de colexiado de honra do Consello Xeral de Colexios Oficiais de Enxeñeiros Agrónomos.
Desenvolveu a súa traxectoria profesional no corpo de Enxeñeiros do Estado, primeiro no Plan Agrícola de Galicia desempeñando varias funcións entre as que destaca o rexistro da mellora da raza vacúa galega, a selección xenética para produción de leite, e o plan de mellora de explotacións agrarias familiares, logo no INIA colaborou en procesos de repoboación forestal, e posteriormente traballou no Servizo de Extensión Agraria na sección de concentración parcelaria.
Joaquín foi un enxeñeiro moi vinculado coa súa profesión e con moitas inquietudes respecto diso, recollendo a continuación una delas tal e como a expresaba no libro “Escenarios Profesionais do Enxeñeiro Agrónomo. 60 Aniversario do Colexio Oficial de Enxeñeiros Agrónomos de Galicia”
“Para comprender ben o papel desempeñado polos enxeñeiros agrónomos en Galicia habería que responder á seguinte pregunta: Como sería hoxe a agricultura galega se non existisen tales profesionais? Sen a creación dos grandes centros de investigación e formación, sen a modificación estrutural da propiedade agraria, o labor divulgador realizado, sen a mecanización dos medios de produción, sen a elaboración industrial dos produtos e, sobre todo, sen a dedicación persoal e abnegada para resolver cada problema concreto de variadísima índole, é evidente que o campo galego ofrecería hoxe un aspecto practicamente decimonónico e inadecuado para satisfacer as necesidades da sociedade actual.”
Descansa en paz Joaquín, botarémoste de menos.