Lei de Colexios Profesionais
Hai 50 anos, o 15 de febreiro de 1974, publicábase no BOE a Ley 2/1974, de 13 de febrero, sobre Colegios Profesionales.
A Constitución Española, no seu Artigo 36, establece que “A Lei regulará as peculiaridades propias do réxime xurídico dos Colexios Profesionais e o exercicio das profesións tituladas. A estrutura interna e o funcionamento dos Colexios deben ser democráticos.” Destacamos que o artigo que fai referencia aos colexios profesionais dentro da carta magna, nin máis nin menos, atópase recollido no Título I: Dos Dereitos e Deberes Fundamentais, no Capítulo 2º sobre Dereitos e Liberdades, na sección 1ª.- Dos dereitos fundamentais e das liberdades públicas, xunto a outros artigos que regulan o dereito á vida, a liberdade ideolóxica, a liberdade de pensamento e de expresión, entre outras liberdades fundamentais.
Ao longo destes 50 anos, a Lei de Colexios Profesionais de 1974 sufriu non poucas modificacións con obxecto da súa adecuación á normativa nacional e europea. Trátase dunha Lei robusta que non puido ser derrogada nin alá polo ano 2013 cando se pretendeu aprobar a nova Lei de Colexios e Servizos Profesionais, que supoñía a perda de colexiación obrigatoria, e por tanto a desaparición de moitos colexios profesionais.
Con estas liñas queremos facer unha defensa da nosa Lei de Colexios Profesionais, actualizada ao século XXI, como ferramenta de protección do interese xeral, a defensa das profesións colexiadas, e a garantía de acceso ao exercicio da profesión dos cidadáns que ostentan a titulación suficiente para iso.
Un colexio profesional é unha corporación de dereito público. Iso quere dicir que é unha institución peculiar porque pola súa natureza exerce funcións público- privadas. Ao ser constituídas como tal, os colexios profesionais sitúanse entre a Administración, os colexiados e os clientes e usuarios.
Un colexio profesional defende os intereses privados dos seus colexiados, e ademais ten finalidades de interese público, comezando pola súa constitución, organización e funcións que dependen do lexislador.
Traballemos na súa mellora e adaptación aos novos tempos, pero non a rexeitemos sen máis, posto que os colexios profesionais son garantes da protección dos intereses de usuarios e consumidores, defende os intereses profesionais dos seus colexiados, ordenan o exercicio profesional e son os representantes en exclusiva da profesión. Ademais, por suposto, de ofrecer aos seus colexiados durante toda a súa vida profesional unha serie de servizos de formación, información, orientación profesional, seguro de responsabilidade, asistencia xurídica, publicacións etc..