Máis cooperación entre as institucións, mellor xestión dos recursos ou medidas contra o cambio climático, retos das administracións ante a nova Lei do Ciclo da Auga que entra en vigor a finais do verán

Xornada Ciclo Auga FIA
may 31 2022

Máis cooperación entre as institucións, mellor xestión dos recursos ou medidas contra o cambio climático, retos das administracións ante a nova Lei do Ciclo da Auga que entra en vigor a finais do verán

Organizada pola Cátedra Emalcsa-UDC e a Cátedra de Dereito Local coa colaboración da Deputación da Coruña e a Fundación Enxeñería Agronómica para o Desenvolvemento de Galicia creada polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Agrónomos de Galicia, o venres 26 celebrouse na Coruña unha xornada na que diferentes técnicos e representantes da administración analizaron, debatiron e expuxeron os seus puntos de vista sobre o impacto que terá a nova lei do ciclo integral da auga nos concellos.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia, Ethel Vázquez; o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso; a alcaldesa da Coruña, Inés Rey; e o decano da Facultade de Dereito, Xulio Ferreiro, foron os encargados de abrir a xornada.

Ethel Vázquez anunciou que a nova Lei do Ciclo Integral da Auga entrará en vigor a finais do verán e subliñou que o obxectivo desta normativa é «axudar aos concellos na xestión profesional deste recurso e reforzar a calidade das masas de auga». Pola súa banda, Valentín González Formoso fixo fincapé na necesidade «dunha gobernanza multinivel» e instou a unha maior transparencia na xestión dos recursos, dos gravámenes e ingresos obtidos polas administracións que xestionan o ciclo da auga. Por último, a alcaldesa de Coruña Inés Rey, puxo o foco na necesidade de tomar medidas para combater o cambio climático no eido da xestión da auga, un, afirmou, obxectivo do goberno municipal da Coruña.

Joaquín Suárez, profesor de Tecnoloxías do Medio Ambiente (departamento de Enxeñería Civil) da Universidade da Coruña e investigador do Grupo Enxeñería da Auga e do Medio Ambiente (Geama) foi o seguinte en participar para falar dos problemas e perspectivas da xestión do ciclo integral da auga na era do cambio climático. O ex director da Cátedra Emalcsa-UDC expuxo a visión do Marco Conceptual Dusa (Desenvolvemento Urbán Sensible á Auga) como un xeito de enfocar a xestión coas premisas da integración e a sostibilidade como vectores de desenvolvemento no futuro, pasando dunha visión cíclica a unha visión sistémica, onde a auga é un recurso que ten que ser coidado en todos os eidos.

Deseguido falou Francisco Delgado Piqueras, catedrático de Dereito Administrativo da Universidade de Castela A Mancha para abordar a formalización xurídica da xestión integral da auga.

Orientada a concellos pequenos e rurais

Tras a intervención de Delgado foi a quenda dunha mesa redonda da que formaron parte Teresa Gutiérrez, directora de Augas de Galicia; Angel Mato, alcalde de Ferrol; e Marcos Martín, director xeral de Viaqua Galicia. Os tres analizaron e debateron acerca da realidade da xestión da auga en Galicia e o papel que xogan nela os concellos e a Xunta de Galicia. Neste punto púxose en valor que esta lei está moi orientada aos concellos máis pequenos e de perfil rural, onde a falla de recursos e unha eiva importante para un desenvolvemento axeitado da xestión.

Xa pola tarde houbo outras dúas meses de debate. Na primeira participaron Javier Sanz Larruga, catedrático de Dereito Administrativo da UDC; Patricia Vilán Lorenzo, asesora xurídica da FEGAMP; e Gonzalo Mosqueira, xerente de Augas de Galicia e profesor asociado da ETS de Enxeñaría de Camiños da UDC. Cada un deles aportou a súa visión sobre a nova Lei do Ciclo Integral da Auga, pero facendo novamente fincapé na necesidade de transferencias dos sistemas máis grandes aos pequenos para favorecer a xestión axeitada en concellos más reducidos e a necesidade de agrupar para ter máis ventaxes en canto ao uso de recursos, tanto técnicos como económicos.

Rematou a xornada unha derradeira mesa de debate na que se expuxeron as diferentes visións políticas sobre a nova lei e a súa implementación. Participaron José Manuel Rey Varela, do Partido Popular; Luis Bará Torres, do Bloque Nacionalista Galego; e Begoña Rodríguez Rumbo, do Partido Socialista de Galicia. Nesta mesa o debate non foi tanto a necesidade desta ferramenta senón o enfoque que cada opción política amosou. BNG e PSOE demandaron máis participación e conversas, mentres que o PP entende a urxencia da medida e considera suficiente o proceso feito ata agora e que, seguramente, rematará coa discusión de emendas e a aprobación neste periodo de sesións.

A reflexión final dos organizadores da xornada foi que estes foros, auspiciados dende a universidade cunha visión reflexiva e global, son moi necesarios. Dende as institucións recolleuse a luva para futuras actividades neste eido.

0 Comments
Share Post
No Comments

Post a Comment