Os enxeñeiros agrónomos galegos participan nunha xuntanza coa conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, para aportar suxestións de cara á redacción da Lei de administración ambiental simplificada de Galicia
osé Antonio Rivas e Ricardo Vázquez Pérez, secretario técnico e interventor, respectivamente, do Colexio de Enxeñeiros Agrónomos de Galicia, participaron o mércores 6 de novembro nunha xuntanza celebrada en Santiago e convocada pola conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, para abordar o contido e obxectivos da futura Lei de Administración Ambiental Simplificada de Galicia. Á reunión tamén acudiron representantes dos colexios oficiais de Enxeñeiros Industriais e de Minas, ademais das organizacións profesionais de Químicos e de Biólogos de Galicia.
A conselleira explicou aos asistentes que, unha vez superada a fase de consulta pública previa da norma, que rematou o pasado 1 de setembro, procederase a abordar a redacción dun borrador da lei para o que solicitou as aportacións dos asistentes. Os representantes do Colexio plantexaron diferentes propostas co obxectivo de gañar axilidade, eficacia e maior seguridade xurídica na elaboración da nova normativa tendo en conta en todo momento a protección ambiental. Fixérono a partir da experiencia dos enxeñeiros agrónomos en procedementos de tramitación ambiental ben dende a propia administración, ben dende o sector privado (enxeñerías e consultoras, principalmente).
A Lei de administración ambiental simplificada de Galicia servirá para actualizar o marco normativo autonómico vixente co dobre objetivo de «adaptalo aos novos retos» en materia de clima e enerxía e «reforzar a seguridade xurídica» que esixen tanto os promotores de actividades económicas suxeitas á intervención ambiental como as administracións responsables da súa aplicación.
O seu obxectivo, polo tanto, e dar unha resposta á complexidade e dispersión das normas sobre avaliación e intervención ambiental que imperan neste intre así como a actualizar a Lei de protección ambiental de Galicia aprobada en 1995.
A Lei de administración ambiental deberá sistematizar, actualizar e integrar as distintas ferramentas de prevención das actividades económicas suxeitas a control pola súa propia natureza e de acordo cos novos retos sociais e ambientais. Así mesmo terá que simplificar algúns dos procedementos administrativos sen perxudicar o rigor na análise dos proxectos e do mantemento dun alto nivel de protección ambiental que garanta sempre o máis estricto cumprimento do ordenamento comunitario nesta materia. Deberá axilizar tamén os procedementos de autorización, licenza e avaliación ambiental, mellorar a coordinación entre as administracións implicadas na tramitación; e revisar a definición dos instrumentos de prevención e control ambiental como a autorización ambiental integrada que actualice o réxime dalgúns deles ou elimine os que se consideren innecesarios. Ademais, a nova normativa aplicará o principio de que cada proxecto se someta a un único procedemento ambiental de autorización ou de comunicación previa.
Os encontros, como sinala a Xunta, prolongaranse ao longo de novembro e decembro co obxectivo de poder contar cun primeiro borrador da norma antes de que remate o ano e remitir o proxecto ao Parlamento galego para a súa aprobación en 2025.