Unha xornada técnica organizada pola Fundación Enxeñería Agronómica para o Desenvolvemento de Galicia sinala o camiño cara a unha agroindustria galega sostible

Xornada FIA sobre pegada de carbono 2025
oct 02 2025

Unha xornada técnica organizada pola Fundación Enxeñería Agronómica para o Desenvolvemento de Galicia sinala o camiño cara a unha agroindustria galega sostible

O Nordés Clube Empresarial da Coruña acolleu o 1 de outubro a xornada técnica ‘Cara a unha agroindustria sostible’, un evento subvencionado pola Deputación da Coruña e organizado pola Fundación Enxeñería Agronómica para o Desenvolvemento de Galicia. O evento, que contou co apoio do Colexio Oficial de Enxeñeiros Agrónomos de Galicia e do Consello Galego de Enxeñerías, centrouse no ciclo de vida do carbono, a súa mitigación e as actividades de compensación.

Dirixida a empresas dos sectores agrario, gandeiro e forestal, así como á industria agroalimentaria e a profesionais da sostibilidade ambiental, a xornada destacou polo seu enfoque práctico e participativo. Os asistentes, deste xeito, puideron coñecer de primeira man metodoloxías e exemplos reais para mellorar a precisión na medición da pegada de carbono.

O programa contou coas intervencións de tres expertos de recoñecido prestixio:

    • Eugenio Fernández Carrasco, profesor titular da Universidade de Santiago de Compostela (departamento de Enxeñería Química, Facultade de Ciencias de Lugo), introduciu os conceptos básicos da análise do ciclo de vida e as ferramentas para o cálculo da pegada de carbono, subliñando a necesidade de indicadores sólidos para adoptar solucións eficaces.
    • Joel Rodríguez Ruiz, investigador do grupo PROePLA da USC, profundizou na compensación das emisións e nos proxectos de captura de carbono. O experto sinalou que «a xestión forestal mellorada incrementa o secuestro de carbono», pero subliñou que estas medidas deben ser economicamente viables a longo prazo e respectar a biodiversidade.
    • Carmen Fernández Gasalla, directora de Ingaf, enxeñería e xestión sostible, pechou a xornada definindo a análise do ciclo de vida como unha «filosofía de traballo» para avaliar o impacto ambiental e visualizar as vantaxes de calquera produto ou organización.

 

Próximo paso: webinar práctico de formación

Como continuación da xornada, está prevista a celebración dun webinar práctico estruturado en tres sesións, cuxas datas están aínda por confirmar:

    1. Cálculo da pegada de carbono de organización (0,5 h).
    2. Cálculo da pegada de carbono de produto (1,5 h).
    3. Resolución de dúbidas (0,5 h).

 

0 Comments
Share Post
No Comments

Post a Comment