O Colexio pon en marcha a exposición itinerante ‘ODS: algo máis que un logo’ para achegar á cidadanía os 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da ONU e subliñar o importante papel que os enxeñeiros agrónomos xogamos para acadalos

Exposicion ODS: Algo máis que un  logo
Feb 26 2021

O Colexio pon en marcha a exposición itinerante ‘ODS: algo máis que un logo’ para achegar á cidadanía os 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da ONU e subliñar o importante papel que os enxeñeiros agrónomos xogamos para acadalos

O Colexio Oficial de Enxeñeiros Agrónomos de Galicia vén de poñer en marcha a exposición itinerante ‘ODS: algo máis que un logo’. Esta mostra, cofinanciada pola Deputación da Coruña, ten como obxectivo achegar á cidadanía os 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da ONU, ademais de mostrar os retos que os enxeñeiros agrónomos temos para adaptalos á cadea de valor alimentaria antes de 10 anos. Asimesmo, pretende tamén concienciar sobre a necesidade de que debemos mudar os nosos costumes como sociedade para cumprilos e do papel que os enxeñeiros agrónomos xogamos neste proceso.

Como enxeñeiros agrónomos enfrontámonos a un reto que converxe coa visión histórica humanística da nosa profesión, un obxectivo vital e apaixonante para converxer cos 17 obxectivos de desenvolvemento sostible. Trátase de abordar dende un prisma transversal e universal as nosas actuacións e adaptalas para optimizar os obxectivos. O carácter de implicación de tódolos axentes neste proceso demanda accións de comunicación e información. Precisamente neste senso, esta exposición trasladará á cidadanía a importancia da aplicación de novas tecnoloxías e avances na labor que desenvolvemos en diferentes sectores, perseguindo unha mellor planificación e xestión do territorio, a produción de alimentos e os procesos vencellados”, apunta sobre a exposición o decano do Coiag, Pedro Calaza.

Itinerario

A exposición poderase visitar ata o domingo 28 de febreiro na Praza Roxa de Santiago de Compostela. Do 1 ao 7 de marzo estará na Praza de Lugo da Coruña e, finalmente, do 8 ao 14 deste mesmo mes na Praza de Armas de Ferrol.

‘ODS: algo máis que un logo’ preséntase en 16 paneis de gran formato (1,50×2 metros) que transmiten a importancia de mudar as nosas relacións coa contorna na que convivimos e da que extraemos os recursos para vivir.

Con esta exposición os enxeñeiros agrónomos, alén de dar a coñecer o seu traballo, buscan afondar no compromiso individual, asumindo que esta evolución depende de todos e todas de xeito colectivo, pero tamén individual.

0 Comments
Share Post
No Comments

Post a Comment